Dende a equipa do Vibra Balboa queremos promover e potenciar 3 valores: o feminismo, a ecoloxía e a diversidade.
Feminismo
como enerxía transformadora e imparable, imprescindible na cultura e na vida, sempre coas persoas, os coidados, o respecto e a liberdade no centro de todo.
Para iso, dende o festival promovemos a participación de mulleres artistas, que son potentes referentes dun presente e futuro musical menos masculinizado. Ademais de artistas no escenario, tamén buscamos a participación de profesionais na parte técnica, de produción e todos os traballos historicamente monopolizados por homes.
O noso obxectivo é lograr unha programación artística e unhas equipas de traballo de, alomenos, un 50-50%, e cara iso camiñaremos sen cesar, en cada edición.
Ecoloxía
Como criterio transversal, poñendo consciencia en toda a pegada contaminante que deixamos os festivais, con especial coidado cando ademais teñen lugar, como o Vibra, nun espazo natural e nunha vila pequena.
Medidas nesta liña: ademais do famoso eco-vaso reutilizable, potenciaremos que o público traia os seus propios eco-vasos doutros eventos (non se trata de vender eco-vasos, se non de reducir o consumo de plásticos), teremos cinceiros portátiles para un festival libre de cabichas, teremos en todo momento bolsas de basura á súa disposición, e poñeremos e sinalizaremos numerosos puntos de lixo, por último, e para evitar os milleiros de botellas pequenas de plástico de auga xeradas nos festivais, non haberá á venda este tipo de produto se non que haberá puntos de auga potable e gratuíta en varias zonas do festival.
Esta listaxe de medidas son un punto de partida cara un festival máis sostible e menos contaminante, ano tras ano.
Diversidade
Entendida de xeito global: gústannos as músicas do mundo, as músicas tradicionais e as músicas modernas, de calquera estilo e orixe.
Gústanos a cultura diversa, por iso traemos propostas de varios puntos da xeografía, orixinais e auténticas, que promovan a igualdade, a solidariedade e a loita contra o fascismo, a homofobia, o racismo e todo tipo de discriminación e odio entre as persoas.
Apoiamos as linguas minorizadas, como o galego, que a día de hoxe son discriminadas e rexeitadas en moitos ámbitos da vida. Queremos un festival onde escoitar moitas linguas do mundo, onde todas serán respectadas, valoradas e queridas.
A diversidade está tamén nos nosos corpos e mentes, por iso trataremos de eliminar, ano tras ano, todas as barreiras que existen para que calquera persoa poida acceder á cultura en igualdade de condicións.